domingo

A Avoa


A avoa Pura, con xa moitos anos e moitas enrugas, sorriume igual ca sempre cando lle pedín que me contara algún conto de cando era nena. E aínda que xa pasara unha morea de tempo acordábase moi ben, vaia se se acordaba...



Purita, como lle chamaban de pequena na casa, era unha cativa de cara alegre, grandes ollos escuros e unha longa melena negra e rizada, que naceu e medrou nunha aldea formada por apenas unha ducia de casiñas humildes e un fermoso souto de castiñeiros.

Moitas veces, á noitiña, sentaba no colo da súa Madriña a carón da lareira e pedíalle:

-Madriña María, cánteme unha cantiga.

E a Madriña, compracente, sempre tiña alguna copla nova para lle enseñar á nena.

-“Canta miña cantaruxa,
Canta miña cantaruxa,
Quen ten rabia que rabee,
Quen ten catarro que tusa”

Pura comezou a escola cando cumpriu os seis anos, e como non había mestre na súa parroquia,  tiña que ir camiñando ata un lugar veciño. Alí foi onde aprendeu as primeiras letras, ata que houbo escola na súa aldea co mestre “Don Manuel”.
Estudiaba “O Silabario”, que era o libro que tiñan daquela, escribía no “pizarrillo” e a facía algunha labor de costura. Pero a Pura o que máis lle gustaba, coma a tódolos nenos, era xogar coas súas curmáns e cos outros veciños da aldea.
Nas tardes de verán, cando ía demasiado calmuso para ir co gando ó prado ou co sacho á leira, sentaban á sombra e xogaban ós “Pelouros”.  Outros días xogaban ós “Tres Navíos”.


  
O pai de Pura, igual que moitos homes labregos tivo que emigrar. Foi moi triste aquel día que embarcou cara a Arxentina. Tardou  moitos anos en voltar, e ¡canto o botou de menos!
Pero un día, por fin, o seu Papá voltou á casa e tróuxolle un regalo; e cando o veu, a pequena non podía ca emoción, non daba creto ó que vía: ¡era unha boneca! Unha fermosa boneca cun vestidiño branco e pelo rizado como o dela que pechaba e abría os ollos. Pura sentiuse a nena máis feliz do mundo. Nunca tivera un xoguete así. Daquela, as únicas bonecas cas que xogaban ela e as outras eran unhas de trapo que elas mesmas facían como podían. Fachendosa,  presumía diante das outras nenas (e tamén compartía) E, a verdade, é que era a envexa de toda a aldea, non había outra coma aquela.

Foi o mellor regalo que lle fixeron nunca.



XOGO DOS PELOUROS:
Buscaban catro ou cinco pedriñas, redondeadas e de pouco peso, e pousábanas no chan. O que empezaba, debía tirar ó aire unha das pedras e antes de que caera, tiña que recoller unha das do chan e volver a abrir a man axina para pillar no aire a primeira. ¡Había que ser ben áxil! Se non o conseguía, pasaba o turno ó seguinte.

XOGO DOS TRES NAVÍOS:
Xuntábanse uns cantos e berraban: 
- ¡Tres navíos a la mar! E saían correndo coma raios tres nenos.
- ¡Otros tres a navegar! – volvían berrar. E outros tres saían a fume de carozo tratando de pillar ós que marcharan antes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario