Para ser unha cociñeira de primeira, hai que dominar ben as tarteiras e aínda que Margot se desenvolvía ben con case tódalas técnicas culinarias, non lle daba traza ás sobremesas.
O seu pai era un gran chef francés con sona de facer ben ata o café. A súa fama, que era case tan grande como o mostacho que locía baixo o narís, estendíase cara arriba e mesmo cara abaixo dos Pirineos. A miúdo, dáballe consellos de cociña á filla para que aprendera pratos exóticos ou mellorara as receitas máis tradicionais e Margot, sen dúbida, ía camiño de cumprir o seu soño de ser unha gran mestra de cociña, pero... fallábanlle as tortas, confeitos e pasteis. Estábase converter nunha verdadeira artista coas tixolas e, en especial, coas cazolas, sendo o seu prato estrela o bacallau ó forno con berberechos. Pero os doces... nada!
Por máis que o tentaba, non era quen de collerlle o punto ó biscoito, que sempre lle saía mol; o flan, a pesares de poñerlle todo o agarimo e empregar ovos de curral, quedáballe sempre cru; e as rosquillas, que preparaba con tres amasados e manteiga de primeira calidade, parecían pedras con azucre.
Pero Margot era ben teimuda e custáballe renderse, así que un día decidiu facer outra tentativa, que non sabía se sería xa a derradeira. Era a última semana de agosto e ó verán quedánballe días contados. Unhas pingas fortes que petaban na fiestra e o vento fresco do sur, invitaban a recollerse na cociña e acender o forno; sen dúbida, pensou, quedara unha boa tarde para darlle saída ós sobrantes estivais de froitos da xenerosa horta da casa. Probaría cunha receita de torta de framboesa, herdada do seu pai, que semellaba ben sinxela:
Ingredientes:
Fariña de trigo
Ovos
Manteiga
Azúcre
Framboesas
Preparación:
Mesturar tódolos ingredientes e cociñar no forno.
Enrolou ben as mangas da blusa, fíxolle dous nós ó mándil e comezou a preparar a masa.
Máis que unha cociñeira, Margot semellaba ser alquimista e no lugar dunha cociña, parecía que estaba a traballar nun laboratorio. Nun momento tiña unha morea de cuncas, paquetes, culleres e pratos, ciscados por todo o mesado. Ía facendo comprobacións na báscula unha e outra vez, ó tempo que co dedo furabolos, ía catando de cando en cando para verificar ou ben desaprobar o gusto da masa.
Falaba sóa:
-Un pouco máis de fariña, non, un pouco menos... mellor quitar un pouco de manteiga... quizais engadir algo máis de azúcre... Mal!
E volta a empezar!
-Paréceme que cun ovo chega... unhas pouquiñas framboesas máis... a manteiga podo prescindir dela... Non! non me gusta!
A comezar outra vez!
Margot pesou, calculou, mesturou, catou, remexeu, axustou, probou, descartou... e por enriba de todo, personalizou...
-Mellor sen manteiga... Mellor sen fariña... Mellor sen ovos...
Ata que finalmente, sen saber moi ben como, Margot atopouse preparando unha sobremesa con só dous ingredientes: froita e azucre.
Un recendo doce que se espallaba por toda a casa dende a cociña, fíxolle pensar ó seu pai que Margot estaba a preparar algo ben saboroso e achegouse mentras ela remexía ó xeitiño unha mestura avermellada que tiña a lume lento. Un pouco desconfiado, o Papá Chef, pediu permiso para coller a proba na punta da culler:
-Noraboa, Margot! Está deliciosa!
-En serio, Papá? Non estou moi segura de se sairá ben, porque non se parece nada a túa receita.
O pai fixo bailar a culler na man cun xesto fachendoso e relambendo os beizos, asegurou:
-Voilà! Fuches quen de preparar unha sabedoira sobremesa: marmelada de framboesa!
* * *

No hay comentarios:
Publicar un comentario